III Premios Fouciño

O festival de curtametraxes terá lugar o 30 de xuño e durante a semana previa desenvolverase un programa de actividades paralelas.

 

A terceira edición dos Premios Fouciño converterá a Baio, unha vez máis, na capital do sector audiovisual durante a última semana do mes de xuño. O alcalde de Zas, Manuel Muíño; o concelleiro de Cultura, Manuel García; e os coordinadores do certame, entre os que figuran un grupo de mozos e mozas de Baio e arredores, anunciaron a posta en marcha dunha nova edición dos Premios Fouciño na que contarán tamén coa colaboración da Deputación da Coruña.

Así, durante a última semana do mes de xuño desenvolverase un programa de actividades paralelas relacionadas co sector audiovisual que culmina o 30 de xuño cun festival de curtas, tal e como se vén facendo en edicións anteriores. Manuel Muíño destaca a relevancia deste certame de curtametraxes que, pese a súa curta idade, “conseguiu converterse nun referente no eido audiovisual tanto dentro como fóra da Costa da Morte”.

Os Premios Fouciño teñen como obxectivo premiar os dotes técnicos, artísticos e creativos tanto dos estudantes como de todas aquelas persoas interesadas na creación audiovisual así como para axudar a incrementar a presenza da lingua galega na rede.


Categorías

A participación divídese en dúas categorías; unha para centros de ensino e outra aberta para o público en xeral. En calquera dos dous casos a temática é libre e as pezas deberán ter unha duración máxima de cinco minutos e ser en galego ou posuír os subtítulos en galego. O prazo de inscrición na III edición dos Premios Fouciño comeza ao día seguinte da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia – que será nos vindeiros días – e remata o 31 de maio de 2018.

Entre todas as pezas presentadas na categoría libre seleccionaranse dez curtametraxes finalistas e outras tres de reserva. No caso da categoría para centros de ensino, sempre e cando cumpran os requisitos establecidos, pasarán á final todas as curtas presentadas.

O xurado da III edición dos Premios Fouciño estará composto por un representante do Concello de Zas, dous representantes do mundo audiovisual e da comunicación e dous representantes do movemento asociativo da Costa da Morte.


Premios

En total, repartiranse 1.000 euros en premios; dos cales, 300€ son para a categoría dos centros de ensino e 700€ para a categoría aberta. Ademais, os gañadores recibirán un trofeo. O público tamén poderá emitir a súa valoración das curtas participantes no certame e o traballo máis votado recibirá un trofeo.

Descargas

Compartir: